Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/04/15

Y se hizo la luz

Agradezo á editorial Kalandraka a oportunidade coa que me agasallou formando parte deste xurado, resultou ser unha experiencia extraordinaria e esgotadora que deixa un sabor ben doce na miña memoria. Unha gozada contar con Federico Delicado e o seu extraordinario sentido do humor, a súa calidade humana e a súa sabedoría ilustrada; estar ao carón de Victoria Fernández e o seu enorme coñecemento da Literatura Infantil e Xuvenil e aprender con Manuela sobre este mesmo mundo foi impagable. 



A obra presentada co lema “Y se hizo la luz”, do deseñador e ilustrador cordobés Miguel Cerro, foi a gañadora do VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Ao certame presentáronse 340 orixinais procedentes de 20 países, principalmente España, Portugal, Italia, México, Arxentina, ademais de Rusia, Polonia, Tailandia, Malta ou Estados Unidos, entre outros. O álbum galardoado será publicado por KALANDRAKA nas cinco linguas peninsulares e o gañador recibirá 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor.


O xurado destacou que, dende o punto de vista plástico, este traballo sobresae pola súa “coherencia, o estudo minucioso dos personaxes, o colorido e a composición”. Este álbum trata sobre “o valor da solidariedade, daquel que sempre axuda os demais e segue crendo no colectivo”, así como “o afán de superación e a busca da felicidade inmaterial”, explicou o xurado, que tamén valorou “as diferentes interpretacións que resultan da lectura do texto”.
Miguel Cerro dedícase profesionalmente á ilustración e ao deseño gráfico dende 2008. Realizou numerosos traballos de deseño, publicidade e ilustración, especializándose en carteles e libros ilustrados. Publicou máis de 10 obras, algunhas das cales recibiron premios e mencións en diversos concursos.
O xurado do VIII Internacional Compostela de Álbum Ilustrado tamén declarou finalista a obra presentada por Ana Rita Pinheiro Marques dos Reis, de Tomar (Portugal), presentada co lema “Anabela, a pinguim friorenta”, en formato pop-up ou despregable. 

Ademais, recibiu unha mención especial o traballo “¿Amigos?”, de Anabel Fernández Rey, de Bos Aires (Arxentina).


O VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado enmárcase na XV Campaña Municipal de Animación á Lectura que, co lema “Ler é voar”, se está celebrando ata o vindeiro 9 de maio na Galería Sargadelos.

No xurado do certame participaron o ilustrador Federico Delicado, gañador da sétima edición do Premio Compostela con “Ícaro”; a directora da revista Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil (CLIJ), Victoria Fernández; a profesora e especialista en literatura Gracia Santorum; Manuela Rodríguez, en representación de KALANDRAKA; o xefe do departamento de Educación do Concello de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez-Abella; e a concelleira de Educación, Teresa Cancelo, xunto coa técnica de Educación Beatriz Varela, en calidade de secretaria.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.