Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/12/14

Quen pode vencer o vento?

 A última lectura que nos propón OQO é esta preciosidade de Charo Pita ilustrada por Marion Arbona con título Quen pode vencer o vento?: unha narración fabulada con animais como protagonistas e coa humildade como símbolo do triunfo. A lectura lembra as antigas narracións onde os animais son os protagonistas e adquiren os mesmos vicios e virtudes ca os humanos, e esas fábulas serven para denostar os primeiros e enxalzar as segundas.
Así que neste álbum temos uns animais que son moi fortes e valentes, pero moi cridos, polo que ese exceso de confianza en si mesmos farallo pagar caro. Pero temos unha humilda tartaruga que será quen de vencer calquera obstáculo debido a súa paciencia e pouco orgullo. Toda unha lección.
Chama a atención a explosión de cor das ilustracións. E aquí xa collo as palabras da prezada amiga Mª Jesús que sabe máis ca min:  "Cada debuxo ocupa a dobre páxina, destacando os animais con caras que recordan máscaras indíxenas e alternando escenas abigarradas con outras de primeiros planos e arriscados encadres, comunicando a sensación de movemento e velocidade mediante marcadas liñas diagonais. Tamén a color xoga un papel importante no relato, predominado a gama de vermellos que potencia a idea da seca e da calor. Moi inspirado é o personaxe que representa o vento, unha máscara hierática sempre de perfil que se continúa nun fluído alado, raudo e envolvente".




 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.